Mañá é día das letras galegas, festa da nosa lingua, o galego. Dende o Comité queremos nesta data tan sinalada, lembrar escritores da nosa terra, que padeceron problemas de saúde mental. Isto non lles impediu desenvolver a súa creatividade, imaxinación, talento e bo escribir nas súas obras e ser escritores e escritoras de renome. Vámosvos falar de tres persoas que, aínda cos seus problemas de saúde mental, fixeron unha gran aportación ó mundo das letras e da política.
Manuel Lugrís
Manuel Lugrís foi en 1884 o fundador do primeiro xornal americano en Cuba redactado integramente en galego, A Gaita Galega. Unha vez xa en España, destaca a súa vertente política en actividades galeguistas do momento con Murguía, Pondal e outros.
Coa morte da súa muller en 1888, cae nunha severa depresión.
Manuel usa por primeira vez o galego nun mitin: foi o 6 de outubro de 1907 en Betanzos, nun acto do sindicato Solidariedade Galega, do que tamén fora fundador.
Publicou a primeira gramática en galego e estivo ó fronte da Real Academia Galega como presidente.
Aínda que, dende o meu punto de vista, un dos seus máis importantes logros foi participar no 1932, xunto con Alexandre Bóveda, no anteproxecto definitivo do Estatuto de Autonomía de Galicia
Álvaro Cunqueiro
Este escritor nado en Mondoñedo tamén padeceu problemas de saúde mental. Durante a guerra civil posicionouse coa Falanxe. Isto levoulle a colaborar con diversas publicacións do bando franquista, chegando a traballar no diario ABC. Posteriormente abandonou a Falanxe. Por iso en 1944 retiróuselle o carné de xornalista finalizando a súa colaboración coa ditadura, o que lle obriga a abandonar Madrid e trasladarse ao seu Mondoñedo natal. Neste momento cae nunha profunda depresión e soidade. De todos os xeitos, colaborará con xornais da nosa terra como O Progreso, La Voz de Galicia e a Región.
Da súa obra cabe destacar: Merlín e familia e outras historias, As crónicas do sochantre e Se o vello Simbad volvese ás illas. Tamén publicou varios libros de relatos, como Xente de aquí e de acolá e Escola de menciñeiros.
Ademais foi membro da Real Academia Galega, Medalla de Ouro ó Mérito Turístico e Premio Nadal.
Rosalía de Castro
Nada en España no ano 1837, Rosalía foi unha poeta e novelista admirada por escribir as súas obras tanto en castelán como en galego.
Esta preferencia é importante porque o galego, a lingua de Galicia, estaba a desaparecer xa que nesta época resultaba desprezado. Ela contribuíu a sacalo adiante como lingua oficial grazas a súa poesía.
A vida de Rosalía no seu inicio foi moi dura, xa que era filla dun sacerdote e unha muller moi pobre. Os sacerdotes non podían casar nin ter fillos, polo que el nunca a recoñeceu nin lle deu apoio económico. Tivo que vivir coas súas tías nunha aldea de Galicia, onde aprendeu a lingua, os seus costumes e a nosa cultura galega.
Pasan os anos e múdase a Madrid, onde publicou o seu primeiro libro de poesía: A Flor en 1857. Entre as súas obras máis grandes están Cantares galegos, Follas Novas e Nas beiras do Sar; todas escritas en galego e castelán á vez.
Rosalía tiña unha grande habilidade para a escritura e a poesía, pero moitas das súas historias estaban cheas de tristeza e melancolía. A súa vida estivo chea de situacións tristes e escribir era a forma de loitar contra elas. Ademais, Rosalía nunca gozou dunha boa saúde e estivo afectada sempre por dores e enfermidades que lle facían ter que pasar moito tempo deitada na cama. Con todo, nada disto fixo que deixase de escribir nin de plasmar o seu talento.
Escribiu diversas obras literarias, pero destacaría Cantares galegos coa que de verdade logrou revivir a lingua galega. Non só fixo que España enteira falase desta rexión de novo, senón que lle devolveu a alegría e a dignidade ao seu pobo, que xa nunca máis esqueceu os seus costumes e tradicións.
Rosalía de Castro conta tamén con recoñecemento internacional, destacando en países como Rusia, Uruguai ou Venezuela. As súas obras foron traducidas ao francés, ruso, alemán e incluso ao xaponés.
Esta escritora e escritores, demostran que a pesar de padecer algún problema de saúde mental ó longo da súa vida, pódese ser un xenio da literatura e destacar no mundo das letras e a política. Talento e saúde mental non están en desacordo.
