Disfraces En Saúde Mental

Que fermosa época o Entroido, na que cada quen se pode transformar por unhas horas no que queira ser. Non sei por que aos homes lles gusta tanto vestir de mulleres estrafalarias; desde hai anos as nenas só queren ser princesas (ai, o patriarcado, como nos leva tirándonos do nariz); os nenos son súper heroes ou futbolistas millonarios. Reparto de papeis previsible.

Pero e quen andamos todo o ano con disfrace? Tratando de que non se nos vexa moito, de non chamar a atención… porque se cadra, dámos medo, ou vergoña, ou producimos incomodidade se alguén sabe o que somos en realidade…

Cantas persoas con problemas de saúde mental son quen de dicilo aberta e tranquilamente? Pode que nos círculos máis íntimos, algunhas (non moitas); no traballo, pouquísimas. Mesmo preferimos ocultar que temos certificado de discapacidade, algo que en teoría debería abrirnos portas para a contratación, antes que deixar entrever que temos problemas de saúde mental, xa que físicos non os temos ou non semella que teñamos. A frase maldita de “pois se non pareces”…

Cantas persoas recoñecen que van a terapia psicolóxica, que se medican, que visitan a psiquiatras? Ou que fan calquera outra terapia que lles funcione, que non todo son pastillas e, como se di por aí, “loquer@s”. 

Non. É moito máis sinxelo colocar a carauta e o disfrace e finxir que non pasa nada. Porque aforramos moita dor, nas nosas almas e nas vidas das persoas que nos rodean. Moita preocupación ás nosas familias e amizades. Moita enerxía gastada en explicar, unha e mil veces, que somos “normais”, que somos capaces de ter vidas coma as de calquera, que estudamos, que traballamos, que temos parellas, fill@s, que amamos, sufrimos, rimos, choramos e nos enfadamos.

Pero que por encima de todo somos persoas solidarias porque sabemos ben que detrás de cada carauta e disfrace hai unha vida golpeada, desprezada, esnaquizada, insultada, illada. E malia todo iso, unha vida que sigue poñéndose en pe. Unha persoa que se ergue e loita e di “eu podo”, aínda que ás veces non se pode, que non somos súper nada; somos xente normal. E precisamos axuda.

Só queremos que nos vexas debaixo das nosas máscaras e disfraces. Que usamos porque temos medo; créese que somos xente violenta, cando o que somos normalmente é vítimas de violencia, física, verbal, psicolóxica. Algún día a prensa o entenderá.

Sabedes que? Vou tirar a carauta e o disfrace, vou comer orellas e filloas e flores, vou cantar e bailar, vou dicir que si, que estou tola, pero tola de ledicia de estar viva e de seguir a pelexar. E se queres, ven canda min e baila, canta, come e ri comigo esta deliciosa tolería de vivir.

Porque o único malo de todo isto é non vivir ou vivir agochándose detrás da máscara.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.