Os premios Empréganos recoñeceron onte ás empresas viguesas comprometidas coa inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental
Acciona Facility Services, Orbe, Freshcut, Inserta (Fundación ONCE), Eusebio Méndez e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, foron os e as premiadas nun acto que congregou a máis de 100 persoas na sede do Consorcio Zona Franca de Vigo.

Vigo, 09 de febreiro de 2023.- Na xornada de onte, Saúde Mental FEAFES Galicia celebrou a primeira edición dos seus Premios Empréganos, que teñen como obxectivo recoñecer o compromiso e a implicación das empresas, organismos e persoas favorecedoras da inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental.
Na categoría de Gran Empresa resultou premiada Acciona Facility Services, pola súa destacable colaboración na intermediación e na inserción laboral, así como por facilitar a adaptación dos postos de traballo ás persoas con capacidades diferentes. O premio á PEME Empresa Ordinariafoi para Orbe, da que destaca as facilidades no acceso á formación en prácticas e o favorecemento da inserción laboral do colectivo. Freshcut recibiu o premio á PEME Emprego Protexido pola extensa traxectoria de colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia, así como polo apoio e seguimento tanto no proceso de prácticas como no propio posto de traballo.
Como Entidade do Terceiro Sector, recoñeceuse o traballo de Inserta (Fundación ONCE), que destaca polo seu valor como recurso exclusivo na formación e inserción laboral para persoas con discapacidade, e pola colaboración e financiamento na liña de emprego con apoio. Na categoría de Persoa Referente, foi premiado Eusebio Méndez, xerente de Freshcut, en recoñecemento ao seu compromiso persoal, implicación e preocupación polo ambiente laboral e pola saúde mental das persoas, así como pola súa filosofía de integración da diversidade. Finalmente, como Administración Pública recibiu un galardón a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en recoñecemento aos máis de 20 anos de apoio e financiamento de programas para a mellora da inserción sociolaboral de persoas con problemas de saúde mental.
Na súa intervención, a Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Mª Jesús Lorenzana, indicou que é preciso sensibilizar á sociedade no seu conxunto e tamén ao tecido empresarial para fomentar a contratación, apoiando a eliminación de prexuízos e estereotipos. Indicou, ademais, que a Xunta de Galicia seguirá traballando en proxectos que favorezan a inserción laboral as persoas con problemas de saúde mental, porque o emprego é un factor fundamental na súainclusión.
Pola súa banda, o presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, sinalou que ao longo do 2022, a entidade axudou a 661 persoas con problemas de saúde mental a lograr un emprego en toda Galicia (155 na provincia de Pontevedra), o cal representa o 55% das persoas atendidas. Esta cifra, moi superior ao 17% de inserción laboral xeral do colectivo, demostra que cando hai un servizo especializado detrás, as oportunidades para estas persoas se multiplican.
No acto interveu tamén Manuel López, representante das persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia, que puxo o foco na importancia que ten o emprego para o desenvolvemento dun proxecto de vida de calquera persoa, canto máis das que teñen un problema de saúde mental. López pediu confianza e non discriminación por parte do empresariado, para que as persoas con problemas de saúde mental poidan demostrar a súa valía no eido laboral.
Ademais da Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Mª Jesús Lorenzana; ao acto asistiron tamén a Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca; o Deputado de Cooperación cos Concellos e Asistencia Intermunicipal, Santos Héctor Rodríguez; a Concelleira de Política de Benestar Social, Yolanda Aguiar Castro; o Xefe do Servizo de Psiquiatría de Vigo, José Manuel Olivares; e a Directora Xeral do Consorcio Zona Franca de Vigo, Inés González Tamén houbo representantes de Saúde Mental FEAFES Galicia e das súas asociacións, así como de múltiples empresas da zona.
O emprego, un camiño cara a normalización
A baixa inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental é unha das principais barreiras coas que se atopa este colectivo de cara á súa integración social, debido en gran medida aos prexuízos que aínda existen no eido empresarial e na sociedade en xeral.
Segundo datos do INE do 2021, a taxa de emprego das persoas con problemas de saúde mental é do 17%, sendo a máis baixa de todas as discapacidades. Non obstante, segundo a experiencia de Saúde Mental FEAFES Galicia, un problema de saúde mental non ten por que ser un impedimento para obter un emprego. Na maioría dos casos, as persoas con problemas de saúde mental non só son capaces de traballar senón que acaban sorprendendo ao empresariado pola súa dedicación, motivación e calidade de traballo.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coamisión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúdemental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.
