O Comité en Primeira Persoa de FEAFES Galicia entregou os premios do seu primeiro concurso literario, «Perderlle o Medo a Escribir», o pasado 19 de decembro en Compostela e o seu portavoz Manuel López, pronunciou o seguinte discurso:
Queridos e queridas asistentes, para min é un honor formar parte deste acto. Agardo que para todos e todas vos, fora un pracer similar cunha cita desas características.
Quero resalta-la calidade das obras expostas, algo que sempre enche de satisfacción. Dicir tamén que cada relato ou poema eran de seu pai e de súa nai. O que indica personalidades moi diferentes pero igual de ricas.
Derivado do anterior, sinalar que non foi doado escolle-las obras, que, ao noso xuízo foran as mellores. Sempre se trata dunha tarefa subxectiva, convén deixalo claro. Cada membro do Comité, (e somos 7), elixiu as tres que, baixo a súa interpretación persoal, eran as mellores, e despois, poñéndoas en común, ate obte-lo resultado final.
Polo que vimos, a participación por sexos foi bastante equilibrada, dado que a literatura non entende de diferencias de xénero. Por outra banda, as temáticas ou leit motiv das obras, aportaban moita variedade, desde desgarradoras historias de vida, ate poesía pura e dura.
Destacar así mesmo que o número de participantes foi elevado, o cal evidentemente nos congratula e pode abri-las portas a una futura segunda edición para o ano que ven.
Sen máis, despídome en nome de todo o Comité de FEAFES, e agradezo a asistencia a todas as persoas presentes, a título persoal e plural.
