Di o xenial Quino nunha tira de Mafalda que cada ano é coma un caderno novo, con todas as páxinas en branco, lisas e por estrear… e engade, mágoa que haxa tantos cóbados a rozar o tinteiro…
É unha forma de realismo que non quita o optimismo de empezar con bos propósitos e intencións un ano máis, que non ten por que ser moi diferente dos outros, pero no que cada quen se fai algunha promesa; vou facer deporte, vou aprender un idioma, vou xestionar mellor o tempo, vou…
A min abondaríame con que cada persoa pensase, vou mostrar algo máis de respecto polas demais. Vou aprender o que non sei sobre as dificultades que sofre cada quen pola súa condición; no canto de xulgar, estudiar; no canto de criticar, preguntar; no canto de mirar desde arriba, mirar desde abaixo.
Abondaríame con que cada quen fixera o experimento, durante unhas horas, de meterse no pelexo de alguén que ten menos posibilidades. Que durante dez minutos intente camiñar pola súa casa sen ver, para sentir como é perder a vista, mesmo nunha contorna tan coñecida, e saber que desamparo se pode chegar a vivir. Que trate de camiñar pola cidade coma se levase muletas e vexa cantos obstáculos atopa, a onde non pode chegar; que probe a tapar os ouvidos e saber como é non escoitar un claxon que avisa, un berro que chama, e que imaxine como é esquecer as voces e a música que ama…
Que pena, pensaredes con todo isto. Que sensibles somos ás barreiras físicas. Ás discapacidades sensoriais.
E que logo, por unhas horas, pensase como é ser que te avalían, te xulguen, te cualifiquen, te etiqueten, te desboten, te ignoren, sen darche sequera unha oportunidade de demostrar o que vales, sen coñecerte de nada, sen escoitar o que sabes facer e o que podes dar. Sen ter idea do que podes ofrecer e de como podes axudar. Que non te deixen nin falar. Porque se sabe que tes o que se chama discapacidade psicosocial, nome que non me gusta, como non me gusta enfermidade mental, pero que disfraza os problemas de saúde mental para que non metan tanto medo.
Abondaríame con que alguén viñese e preguntase, como é pasar por isto?, como se vive?, que podes facer?, de que es capaz? Non me da vergoña, non me sinto mal. Síntome peor cando non me preguntan e só me miran con cara de mágoa ou de medo.
Abondaríame con que alguén lle importase de veras, máis aló de ter días especiais de… e de facerse fotos con… Abondaríame con que alguén me mirase aos ollos e non me mentise dicíndome que está aí para mellorar a miña vida e que logo lle importe un pemento.
Abondaríame con non ser unha estatística de éxito. Con que tivésemos traballo. Con que non nos tivesen medo.
Feliz 2023.
