E como cada ano, o 25 de novembro toca falar do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Segundo cifras da ONU, no mundo 1 de cada 3 mulleres se ve afectada por algún tipo de violencia de xénero e cada 11 minutos unha muller ou nena morre asasinada por un familiar. Persoas que supostamente nos aman e protexen, que mesmo en moitos casos o prometen publicamente, e noutros simplemente se supón porque forman parte do noso círculo seguro, da familia.
Pero hai outras violencias.
– A exercida por un compañeiro sentimental (física, maltrato psicolóxico, violación conxugal);
– A violencia sexual e o acoso (violación, actos sexuais forzados, insinuacións sexuais non desexadas, abuso sexual infantil, matrimonio forzado, axexo, acoso na rúa, acoso cibernético);
– A trata de seres humanos (escravitude, explotación sexual);
– A mutilación xenital e o matrimonio infantil, a violencia obstétrica (prácticas habituais non imprescindibles á hora de parir que deixan secuelas nas mulleres)
Algunhas mulleres e nenas son especialmente vulnerábeis, coma as nenas e mulleres de idade; as que se identifican como lesbianas, bisexuais, transxénero ou intersex; as migrantes e refuxiadas; as pertencentes a pobos indíxenas e minorías étnicas; as que conviven co VIH ou con calquera tipo de discapacidade, e as afectadas por crises humanitarias.
Ata aquí os datos fríos e as cifras. Quédame unha; en Galicia presentáronse o ano 2021 un total de 6.259 denuncias por violencia de xénero.
Pero isto é o que se ve. O que non se ve é a cantidade de problemas de saúde mental que produce esta violencia cotiá e omnipresente. Non coñezo ningunha muller con problemas de saúde mental graves que non fose violentada dalgún modo no que se supón que tiña que ser o seu espazo seguro; o seu matrimonio, a súa familia, o seu barrio, o seu pobo, o seu traballo. Descubrir, ás veces de moi pequenas, que as persoas nas que deberías confiar para que te axuden e te coiden, son as máis dispostas a agredirte, derruba o teu mundo.

Ti que me les, fai unha proba moi sinxela. Camiña, sen compañía, agora que xa é noite cediño, por unha rúa mal iluminada. E logo cóntame o que sentiches, o que fixeches, a actitude que adoptaches. E se es home ou muller. Habemos descubrir cousas interesantes. E se non queres contarme, pregúntalle ás mulleres que coñeces.
Pola desaparición do 25N. Poñédevos no noso lugar e camiñade ao noso carón polas rúas escuras.