Como seres humanos que somos, queremos chamar á reflexión nun día coma o de hoxe, dedicado á Prevención do Suicidio.
Este venres 10 de setembro do 2021, pretendemos chegar a todos eses corazóns e almas, en especial ás tristes e cheas de dor emocional, e sobre todo axudar e tender as nosas mans esperanzadoras de loita pola vida de calidade e xusta.
As vacacións remataron, así que corresponde escribir acerca deste tema tabú que tanto afecta socialmente e facelo dun xeito o más próximo posible.
Gustaríame escribir algo realmente bo, así que tratarei de basearme no texto que dedica a ONU a este tema. Por outra banda, están as experiencias literarias e sobre todo os casos reais, que sempre deben ser tratados con delicadeza, coidado e aprendizaxe.
Segundo o meu punto de vista, a dor emocional é moi persoal e individualizada. Xorde a consecuencia de sufrimentos, vexacións, carencias económicas ou motivos persoais.

Eu creo que existe a necesidade de socializar sanamente, cultivar en positivo as emocións e loitar socialmente polo ben común, pois hai que facerse á idea de que somos animais socias e en canto deixamos de relacionarnos cos demais ou non o facemos axeitadamente, podemos caer en problemas de saúde mental comezando por depresións e rematando por querer acabar coa nosa vida.
A mellor menciña é rodearse de persoas boas, crear apoio e loitar contra os pensamentos negativos; o traballo é duro pero asegúrovos que merece a pena. Se non é suficiente, debemos poñernos en mans de especialistas, comezando polo médico ou médica de cabeceira, asociacións sen ánimo de lucro, etc.
Sei que a vida non é doada, pero sempre podemos loitar polo ben persoal, individualizado, e despois tender a man aos nosos seres queridos e queridas. Pódese facer máis do que se pensa co cerebro, todo é cuestión de poñerse mans á obra e contar cos apoios precisos.
Esta vida é para vivila o mellor posible, e cada quen ten que coidarse a si mesmo ou a si mesma para estar o mellor posible mentes non chegue o momento de finar.

Existen moitas carencias de información e mitos contraproducentes relacionados co suicidio, así que pido axuda social para poñernos mans á obra e rematar con estes prexuízos parvos tan arraigados na nosa sociedade.
Axudémonos individual e colectivamente, fagamos unha ou varias piñas, pero loitemos por vivir con calidade e reducir o número de suicidios. Chamo ás portas de todo o mundo, nunca é tarde para aportar outra perspectiva das cousas e axudar ás persoas, e non asoballar, pisar, machacar, humillar, facer o mal, etc.
Moitas grazas e ogallá esta mensaxe sirva para remover as conciencias da nosa sociedade e poñámonos mans á obra para reducir os casos de persoas que acaban coas as súas valiosísimas vidas.
Saúdos a todas as persoas que nos seguen, pois loitaremos conxuntamente por vivir de xeito digno. Comecemos por aportar o noso graíño de area!
Margarita, membro do Comité en Primeira Persoa de Galicia