“Nós vémolo claro, ti que ves?” É a pregunta que a campaña fai a través dunha serie de fotografías que presentan a parellas de persoas nun contorno laboral, das que unha ten un problema de saúde mental e a outra non. Invítase así a tratar de diferenciar a maneira na que a sociedade as ve, e aprender as dificultades que padece o colectivo á hora de atopar un emprego.
A pesar das semellanzas, ter un problema de saúde mental crea dificultades para conseguir e manter un posto de traballo a causa do estigma asociado a el.

Traballar é unha das bases fundamentais para conseguir a inserción plena das persoas, e ter as mesmas oportunidades de acceso é unha das loitas que o Comité en Primeira Persoa Feafes Galicia ten como prioridade na súa tarefa diaria. Pero non só atopar emprego, senón emprego de calidade; por máis cualificadas que estean as persoas con problemas de saúde mental, é difícil que accedan a traballos fóra do sector da limpeza ou similares.
O lanzamento da campaña adiántase á conmemoración do Día Mundial da Saúde, o 10 de outubro, que este ano ten como lema “Saúde mental e benestar: unha prioridade global”.
Dentro dese benestar, derrubar as barreiras para a inserción no mundo laboral e destacar as capacidades das persoas con problemas de saúde mental é importante para sensibilizar á sociedade e ás empresas e atopar solucións axeitadas para este problema.
As fotografías poderanse ver no blog mentalizaccion.org, na web e nas redes sociais de Saúde Mental Feafes Galicia durante a primeira quincena de outubro. O Comité convida a todas as persoas a difundir a campaña nas redes sociais empregando o hagstag #VémoloClaro, e a que se animen tamén a compartir as súas experiencias neste ámbito.
A campaña pretende dar continuidade á presentada o ano pasado, “Botemos o estigma ao lixo”, amosando que sucede cando unha persoa con problemas de saúde mental accede a un emprego.