Chega outro 8 de marzo

E seguimos a falar de desigualdade, de discriminación, de brecha salarial, de violencia machista, de feminicidios, de trata de mulleres e nenas; mesmo agora, incribelmente, de negación de que todo isto exista.

Un ano máis, berramos “todo o que non é si é non”, “querémonos vivas e libres”, a ver se se entende, ben alto e ben claro, que non será tanto pedir vivir sen medo.

Pero tamén un ano máis escoitamos atónitas “a ver cando é o día do home”, “ xa estudades e traballades, que máis queredes”, “pois eu axudo na casa”, “non todos os homes somos violentos” e o máis desesperante, “hai centos de homes presos por denuncias falsas e centos de homes maltratados e diso non falades”.

Aquí só quero deixar un par de cifras para desmontar as mentiras que xa estou cansa de explicar, pero que reverdecen con ansia.

1 – As denuncias falsas non afectan a milleiros de homes inocentes. Son o 0,01 por cento. Unha de cada dez mil.

2 – Os homes que morreron a mans das mulleres cada ano desde 2011 nunca foron máis de 10. Terribles e condenables mortes, pero en total menos de 80. Desde 2011 foron asasinadas, ata hoxe 4 de marzo de 2020, 501 mulleres polas súas parellas ou ex parellas. Unha media de 56 cada ano.

Non se trata aquí de “eu máis”. Trátase de que tería que haber un día do home se os homes tivésedes medo de andar pola rúa sos, se gañásedes menos polo mesmo traballo, se os coidados de toda a familia fosen cousa vosa, se aturásedes decote as insinuacións de que poderiades mellorar no traballo se vos deitásedes coa xefa, se vos preguntasen nas entrevistas para un emprego se pensades ter fillos, por se ides faltar moito…

E non digades nunca que tedes un problema de saúde mental. Porque entón xa non só non traballaredes, nin serviredes para estudiar. Tampouco poderedes ser nais, porque quen sabe as barbaridades que poderiades facer coa criatura; xa deciden os profesionais médicos por vos, mirade que ben, aborto e esterilización, dous por un, gratis e sen pedir opinión. Nin sodes de fiar cando denunciades abusos, porque non sabedes o que dicides, quen sabe por que inventades cousas…Se estades tolas.

Non. Todo iso, afortunadamente, non vos pasa. Non sabedes canto me alegro. E sei que moitos de vós, compañeiros de fatigas, estades ao noso carón, apoiando, tan horrorizados coma nós, aprendendo o que non sabedes, preguntando as vosas dúbidas.

E así se constrúe. Da man. As mulleres, todas as mulleres. E todos os homes.

Porque non nos queden moitos 8 de marzo.

Saúde.



Preme para máis información aquí