PROPOSTAS DO COMITÉ EN 1ª PERSOA DE SAÚDE MENTAL FEAFES GALICIA SOBRE O SUICIDIO

No 2016, o último ano para o que existen datos do Instituto Nacional de Estatística que permiten a comparación con outras comunidades autónomas, Galicia non só figura no podio, en números absolutos, cun total de 338 persoas que se quitaron a vida -a pesar de ser a quinta autonomía en poboación-, senón que é líder absoluta cando se analiza o peso desas mortes sobre os seus poboadores. Se a media de España é de 7,46 suicidios por cada cen mil habitantes, en Galicia a taxa chega a 11,08.

Curiosamente, os suicidios consumados en Ourense reducíronse nun 20% nos últimos cinco anos, unha circunstancia que se vincula ao feito de que a provincia ten en marcha, desde o ano 2009, un dos escasos programas específicos de intervención intensiva de prevención do suicidio a nivel nacional. En Galicia é o único.

Por cada suicidio cometido hai moitos máis intentos de suicidio, polo que para unha prevención eficaz cómpre desenvolver estratexias dirixidas á poboación vulnerable mediante a capacitación do persoal de saúde, educación e servizos sociais e unha mellora na identificación dos trastornos mentais e do consumo de substancias.

Galicia conta cun plan de prevención que, polo de agora, non tivo unha incidencia real e moi destacable tanto en recursos como en accións “tanxibles” desenvolvidas. Os plans non se executan sos, non se materializan sen recursos. Onde se “inxectan” recursos, os resultados adoitan mellorar; casualidade ou sentido común?

Desde o Comité en 1ª Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia entendemos que esa inxección de recursos deberá producirse de forma inmediata e concreta para:

  • Aumentar o número de psicólogos clínicos residentes nas unidades de urxencias dos hospitais.
  • Fomentar a formación e capacitación do persoal médico de atención primaria, de enfermería e demais persoal sanitario en cuestións de saúde mental e, especialmente, na detección de persoas con ideas suicidas.

  • Elaborar protocolos claros e concisos para tratar ás persoas con tentativas autolesivas anteriores.
  • Elaborar análises estatísticas de persoas potencialmente predispostas á autolesión. Poderíase facer, nunha primeira fase, desde as unidades de saúde mental dos hospitais e centros de especialidades, e, posteriormente, engadir as unidades de atención primaria.
  • Fomentar a formación de familiares con antecedentes autolesivos ou lesivos para detectar posibles tentativas.
  • Fomentar o asociacionismo de familiares e amigos de persoas con ideas suicidas, antecedentes ou en claro risco de tentativas.
  • Crear unidades especiais de detección e prevención do suicidio en todas as provincias galegas.
  • Incidir na poboación adolescente e nas persoas maiores. A prevención non é só unha cuestión sanitaria que deba depender dunha única Consellería; isto é reducionista e unha visión marcadamente miope.
  • Dispor dun servizo de atención ás persoas con ideas autolesivas ou suicidas, así como ás súas familias ou achegados, para que poidan ser atendidos dende o ámbito público de xeito inmediato e permanente (un teléfono de atención gratuíta, etc.).

Por último, os medios de comunicación poden xogar un papel moi importante na prevención, informando adecuadamente sobre o suicidio e contribuíndo á loita contra o estigma que o envolve.

Os medios de comunicación teñen a obriga de ofrecer información responsable sobre este tema que, na realidade, abórdase en moi poucas ocasións ou aparece vencellado a outro feito (violencia machista, etc.). Na meirande parte dos casos trátase como un suceso no que a forma cobra máis interese que as propias circunstancias persoais que levaron a adoptar esa decisión. Non se fala da prevención do suicidio, dos medios e saídas dispoñibles para evitar esa morte ou da atención ás persoas afectadas, especialmente aos superviventes e aos seus familiares, amigos e achegados.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) editou hai uns anos o documento “Prevención do suicidio. Un instrumento para profesionais dos medios de comunicación” no que da algunhas pautas sobre como informar sobre os suicidios.

Algunhas das súas recomendacións esenciais son:

1. Non se debe informar acerca do suicidio como algo inexplicable ou simplista. Usualmente é causado por unha complexa interacción de moitos factores tales como enfermidade mental e física, abuso de substancias, conflitos familiares e interpersoais ou acontecementos estresantes. É útil recoñecer que unha variedade de factores contribúen ou poden contribuír ao suicidio.

2. Débense evitar as descricións detalladas do método usado.

3. Os titulares en primeira páxina nunca son “a localización ideal” para un suicidio.

4. As informacións deberán ter en conta o impacto sobre as familias e outros sobreviventes en termos do estigma e o sufrimento psicolóxico.

Os medios de comunicación poden xogar un papel proactivo e axudar a previr o suicidio difundindo os seguintes elementos de información:

1. A lista de servizos de saúde mental e liñas telefónicas de axuda dispoñibles cos seus números telefónicos e direccións actualizados.

2. Divulgar os sinais de advertencia do comportamento suicida.

3. Transmitir mensaxes sobre a frecuente asociación entre a depresión e o comportamento suicida, sendo a depresión unha condición tratable.

4. Ofrecer unha mensaxe de solidariedade aos sobreviventes en momentos de profunda dor, proporcionando os números de teléfono dos grupos de apoio para sobreviventes,
se os hai. Isto aumenta a probabilidade de que profesionais en saúde mental, amigos e familiares interveñan nas crises suicidas.

Algúns recursos:

Teléfono da Esperanza: 717 003 717

Fundación ANAR de axuda a nenos e adolescentes en risco: 900 202 010

Asociación de Investigación, Prevención e Intervención do Suicidio: 917262700

Salud Mental España: 915 079 248

Saúde Mental FEAFES Galicia: 900 102 661

Prevensuic (a primeira APP para móbiles en español para a prevención do suicidio)

Un comentario en “PROPOSTAS DO COMITÉ EN 1ª PERSOA DE SAÚDE MENTAL FEAFES GALICIA SOBRE O SUICIDIO

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.