NESTE 8 DE MARZO, DENUNCIAMOS AS ESTERILIZACIÓNS E ABORTOS FORZOSOS DE MULLERES CON PROBLEMAS DE SAÚDE MENTAL
Aos problemas que compartimos con todas as mulleres do mundo, súmanse, no caso das mulleres con problemas de saúde mental, prácticas difíciles de crer e que nalgúns casos a ONU asegura que poden constituír tortura.
Por iso, e co gallo do Dia Internacional da Muller, a Confederación Salud Mental España pon en marcha a campaña:
#NuestraSaludNuestrosDerechos para reivindicar os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres con trastorno mental.
Trátase das esterilizacións forzosas e os abortos coercitivos, que no estado español suman arredor de cen cada ano, e que se practican na súa maioría a mulleres incapacitadas xudicialmente, a pesar de que os efectos negativos, físicos e psicolóxicos, están suficientemente constatados. En todos os casos estas intervencións fanse sen consentimento, coñecemento ou autorización das afectadas. En España estas vulneracións de dereitos son legais, segundo o Código Penal, tras unha incapacitación xudicial, mesmo violentando tratados ratificados polo Estado coma o convenio de Istambul, que as prohibe expresamente e as considera delitos.
A campaña denuncia igualmente a imposición de métodos anticonceptivos; que non se teñen en conta os efectos secundarios que as medicacións poden ter sobre a sexualidade, e que se ignora o desexo sexual das mulleres con problemas mentais.
Desde o movemento Pro Saúde Mental reivindicamos que a decisión de ser nai ou non debe ser libre e corresponde unicamente á muller, e denunciamos que estas prácticas perpetúan o estereotipo de que as mulleres discapacitadas non teñen capacidade para ser nais. Para avanzar na erradicación destas prácticas, pedimos instrumentos xurídicos específicos que garantan os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres con problemas de saúde mental.