E a nosa criatura cumpre un ano.
Nese tempo non se tivo de pé, choromicou un pouco, tivo medo, buscou de onde se alimentar; foise facendo forte, conseguiu sentar e agarrar cousas.
Tamén levou croques, caéronlle as cousas das mans, colleu perrenchas, escachou coas risas.
E agora, cumprido un ano, xa anda soa.
Esa criatura, o Comité En Primeira Persoa Galicia, é aínda cativa; cativa en número de integrantes e en idade. Pero nas dúas cousas ha medrar. Haberá novas mans que axuden, novas cabezas que pensen, novos ollos que miren máis aló, novas voces que falen ben claro; e haberá máis aniversarios, pero tamén moito máis traballo.
Con eses retos afrontamos o segundo ano; co obxectivo fundamental de loitar contra o estigma asociado á enfermidade mental; pola mellora das nosas condicións de vida e pola plena integración.
Temos a seguridade de que chegaremos. Pero agora que xa camiñamos, queremos que veñas connosco.
Queres? Podes.